Saturday 04 de May de 2024

A Xunta adxudica por 40 m€ a xestión integral da rede de plantas de transferencia de residuos de SOGAMA


O contrato conta cunha duración inicial de tres anos, ampliable a cinco e cunha prórroga excepcional de nove meses, e inclúe tamén melloras na súa operativa para que gañen eficiencia para optimizar a prestación deste servizo público

Os traballos afectan a un total de 25 instalacións, pois, ás 20 que xa se atopaban baixo a titularidade da empresa pública, engádense cinco de nova construción

 

A Xunta adxudicou por algo máis de 40 millóns de euros a xestión integral da rede de 25 plantas de transferencia de Sogama e que están distribuídas estratexicamente polo conxunto da xeografía galega.

 

O contrato -cunha duración inicial de tres anos, extensible a cinco e cunha prórroga excepcional de nove meses- prevé que 13 destas 25 plantas tamén formen parte da rede específica de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, polo que, ademais de transferir a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e negra (fracción resto do contedor xenérico), acollerán a bolsa marrón (materia orgánica), contando, ademais, cunha especie de funil específica para a mesma.

 

Estas plantas serven de punto de transferencia das fraccións de residuos que competen á empresa pública -as bolsas amarela, negra e marrón- desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade aptos para ser transportados por tren ou estrada, e nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade ata as instalacións de tratamento de Sogama.

 

A empresa adxudicataria deberá ocuparse da xestión integral das 20 plantas que están desde hai tempo baixo a súa xestión -Cee, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela, Ortigueira, Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Becerreá, Ourense, A Rúa, Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda-, así como os de nova construción: Curtis, Ponteceso, Riotorto, A Lama e Arbo.

 

Outros labores

O contrato tamén inclúe os labores de operación, limpeza e mantemento, así como as melloras que sexan necesarias nas instalacións. Entre elas están a restauración de todos os elementos da estrutura metálica da planta do Porriño, mentres que, en Lugo, acondicionarase a chaira de manobras da instalación e optimizarase o funcionamento dos sistemas de recollida e xestión de augas pluviais. Ao mesmo tempo, contará con nova estación depuradora, ao igual que a planta de Narón.

 

Nas instalacións de Silleda, adecuarase a zona de acceso á plataforma de descarga; en Cee, desmantelarase a planta vella para prestar o servizo desde a nova e en varias actualizaranse os sistemas de pesada, así como o software e hardware.

 

No caso da planta viguesa de Guixar, en Vigo, tamén se actuará nas estruturas metálicas -tanto da nave de transferencia de residuos como na de depuración-, ao tempo que se instaurará un novo sistema de pretratamento de augas residuais, así como outras actuacións menores.